_ _ _ _____ ___ __ __ _(_) | _(_)___ / ( _ ) / /_ ___ ___ _ __ ___ \ \ /\ / / | |/ / | |_ \ / _ \| '_ \ / __/ _ \| '_ ` _ \ \ V V /| | <| |___) | (_) | (_) | (_| (_) | | | | | | \_/\_/ |_|_|\_\_|____/ \___/ \___(_)___\___/|_| |_| |_|
Henrique VIII Tudor, nado o 28 de xuño de 1491 e finado o 28 de xaneiro de 1547, foi Rei de Inglaterra a partir do 21 de Abril (coroado a 24 de xuño) de 1509, até a súa morte. Foille concedido o título de rei de Irlanda polo Parlamento Irlandés en 1541, tendo obtido anteriormente o título de Lord de Irlanda.
Henrique naceu no Palacio Real en Greenwich, Londres, segundo fillo do rei Henrique VII e Isabel de York, séndolle concedido o título de Duque de York. Foi designado Príncipe de Gales e herdeiro do trono despois da morte do seu irmán máis vello Artur en 1502.
Foi necesaria unha dispensa do Papa Xulio II para autorizalo a casar coa viúva do seu irmán, Catarina de Aragón, que foi obtida en base da non-consumación. O casamento foi celebrado a 11 de xuño de 1509 e só tiveron nunha filla, a futura María I de Inglaterra. Henrique VIII chegou a escribir un pequeno libro titulado "Defensa dos Sete Sacramentos", co obxectivo de que León X lle outorgase o título de "Defensor da Fe"; no entanto, o desexo de lograr un herdeiro home, así como a súa relación amorosa con Ana Bolena, levárano a solicitar ó Vaticano a disolución do casamento con Catarina. As súas tentativas non tiveron éxito porque o Papa Clemente VII estaba baixo presión do sobriño de Catarina, o emperador Carlos V.
Frustrado coa ruptura das negociacións, Henrique VIII ignorou a lei canónica que lle impedía unirse a outra muller por estar xa casado, e casou con Ana Bolena a 25 de xaneiro de 1533. Esta actitude de afronta sen precedentes á Igrexa católica valeulle a excomuñón, declarada por Clemente VII o 11 de xullo de 1533. A consecuencia da excomuñón, Henrique decidiu a ruptura coa Igrexa católica, declarou a disolución dos mosteiros, tomando así moitas das pertenzas da Igrexa, e creou a Igrexa de Inglaterra, da que se declarou líder. Esta decisión fíxose oficial co decreto da supremacía (Act of Supremacy) de 1534. A negativa de xurar obediencia a este decreto levouno a condenar ao humanista Thomas More, o seu antigo Lord Chanceler, á morte.
Durante o ano de 1513, Thomas Howard, terceiro Duque de Norfolk, derrotou a tentativa de invasión de James IV de Escocia en Flodden durante a ausencia de Henrique VIII na guerra con Francia. A longa rivalidade de Henrique co rei Francisco I de Francia tornouse aínda máis seria pola cooperación entre Francia e Escocia, ambos países católicos nesta altura. A paz con Francia foi finalmente restablecida en 1546.
Henrique VIII incrementou moito o poderío marítimo inglés, estabelecendo portos en Woolwich e Deptford no río Támese no sueste de Londres, e instituíndo unha mariña eficiente. O seu barco capitán (flagship), Mary Rose, afundiuse no Solent (no canal inglés) durante a batalla e a súa recuperación nos anos 80 do século XX foi un fito na investigación arqueolóxica desta época. O navío encóntrase hoxe en exposición no peirao de Portsmouth.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Henrique VIII de Inglaterra |